Wednesday 24 de April de 2024

A Pobra desprega un amplo dispositivo para a celebración do Nazareno


A festividade do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, terá lugar do 17 ao 20 de setembro na Pobra do Caramiñal. Para a xornada do domingo 19, a parroquia, a comisión e o Concello poñen en marcha, ao igual que no ano pasado, un amplo dispositivo de seguridade co que garanti-la seguridade e saúde pública, tal e como anunciaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra); o seu homólogo da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra); e o presidente da comisión do Nazareno, José García.

No que respecta á loxística, a edil Estefanía Ramos detallou o mecanismo artellado de cara a celebración dos oficios, dos cales tres serán na praza Alcalde Segundo Durán (ás 11.15, 12.15 e 13.15 horas). Para tal ocasión, instalarase un toldo de 800 metros cadrados, montarase o palco para o uso do párroco e disporanse cadeiras coa distancia de seguridade. Tamén se porán baños portátiles, dos cales se efectuará a limpeza e desinfección de maneira frecuente, ao igual que cos asentos (neste último caso realizarase entre misas).

A cabida máxima por cada oficio establécese nas 500 persoas e o acceso á dita praza será mediante unha entrada con código QR. Os tíckets xa se poden conseguir de maneira telemática a través do enderezo electrónico nazarenopobra@gmail.com. Será preciso indicar nome e apelidos da persoa titular das entradas e o número de tíckets que se precisan, un número de teléfono e especificar a hora da misa á que se quere asistir. Así mesmo, persoas voluntarias da Protección Civil realizarán un reparto presencial á entrada da Novena na igrexa de Santiago do Deán, dende o día 10 ata o 18. De non completarse a cabida, no propio día 19 habilitaranse dous postos: un na rúa Díaz de Rábago, fronte as escaleiras de acceso ao adro da igrexa de Santiago do Deán, e outro nos Xardíns de Valle-Inclán, ao lado do quiosco Castillo. Establécese un máximo de 4 tíckets por persoa.

Non obstante, retransmitirase por streaming o oficio das 13.15 horas a través da canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

No referente á seguridade, o concelleiro José Andrés Lojo, anunciou que, do día 17 ao 20, se reforzarán as gardas da Policía local. No propio día 19, contarase con efectivos da seguridade privada para controla-lo acceso e circulación dentro da praza Alcalde Segundo Durán; membros da Policía local; Protección Civil; e tamén se solicitou a presenza da Garda Civil para dar apoio. De cara a prevención de emerxencias sanitarias, haberá unha ambulancia medicalizada nas inmediacións.

Cómpre sinalar que para esa xornada se procederá co corte de tráfico rodado na rúa Díaz de Rábago e no tramo de estrada que separa os Xardíns de Valle-Inclán e a praza Alcalde Segundo Durán. A circulación, tanto en dirección Ribeira coma Boiro, estará indicada con sinalización vial circunstancial.

Pola súa parte, o presidente da comisión do Nazareno, José García, indicou que os días 17, 18, 19 e 20 haberá salvas e alboradas, botaranse bombas de palenque e lembrou os oficios que se celebrarán no propio templo, cuxa cabida estará limitada e efectuarase a desinfección do espazo.

O rexedor concluíu a rolda manifestando que se continúa con estas medidas extraordinarias e que se agarda que o próximo ano “poidamos volver á tradicional procesión que percorre as principais rúas do noso concello.” Ademais, destacou o dispositivo artellado e a loxística, pois “hai que estar preparados para calquera circunstancia.” Neste senso, apuntou que o que se busca é “que a xente poida seguir celebrando esta festa cultural, tradicional e relixiosa dalgunha maneira, pero sempre coa máxima seguridade.” Do mesmo xeito, quixo expresar o seu agradecemento á comisión do Nazareno polo seu labor e esforzo.